18/6/2020

Fegatur e a consellería de cultura e Turismo asinan un acordo ao turismo rural

Despois de varios meses de conversas para desenvolver un plan de mellora do sector de turismo rural, vense de asinar no día de hoxe un acordo sectorial entre o conselleiro de Cultura e Turismo e o presidente da Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) no que se abordan as seguintes liñas de acción:


1. Dentro do Programa "Galicia destino seguro", un Plan de formación e implantación de medidas hixiénico-sanitarias ante a Covid-19 para os establecementos de aloxamento rural, que contribúa a unha inminente reapertura do sector con plenas garantías para os clientes.

Nestes momentos hai inscritas neste plan máis de 300 persoas pertencentes a case 200 establecementos. Segue aberta a inscrición para participar nunha das dúas derradeiras webinars que terán lugar os vindeiros  25 e 26 de xuño, xoves e venres. Para realizar a inscrición, neste ENLACE

Asimesmo, e  para as persoas propietarias ou que xestionan aloxamentos de turismo rural e que teñan participado nalgunha de ditas webinars de formación, serán convocadas  a unha nova  na que ademáis de reforzar a implantación do Plan de limpeza e hixiene e as medidas de seguridade no traballo, seranlles presentadas  plans e medidas de promoción, comunicación, comercialización e xestión que se están a procurar para a reactivación da actividade dos establecementos, e o servizo de consulta personalizada.

2. Un Plan de comercialización dixital para o sector do turismo rural no que teñan cabida os 555 establecementos de aloxamento rural que forma parte do REAT (Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas) coa matrícula TR. Para elo estase a abordar a creación dunha plataforma dixital a través da cal todo o mundo poida achegarse ao turismo rural de Galicia e reservar  en calquera dos aloxamentos ofertados. Así, ademais dos datos recollidos na ficha de cada aloxamento, disporá dun potente motor de reservas.

Asimesmo dita web será canle de información e formación  para as persoas propietarias e /ou que xestionan os establecementos adheridos a esta iniciativa. O obxectivo é que as reservas online de turismo rural en Galicia se poidan realizar dun xeito sinxelo e áxil. De acordo coas principais preferencias amosadas polos clientes para, nun entorno natural, disfrutar dun turismo sostible, tranquilo e seguro.

3. Un Plan de promoción para o turismo rural apoiado nos xeodestinos de Galicia, nos que os principais atractivos ofertados coinciden plenamente coa cada vez maior demanda das persoas viaxeiras que buscan entornos naturais na procura de espazos de benestar, natureza  e cultura.

Para reforzar aínda máis esa tendencia distribuiranse entre os establecementos  de turismo rural  que se adhiran  a esta iniciativa un total de 4800 bonos individuais.  Con eles como agasallo de benvida, cada establecemento disporá dun incentivo máis á hora de convencer  para a reserva, e na procura de que esta se alongue.

É de subliñar  a colaboración e creación de sinerxías coa Asociación de Guías de Turismo de Galicia, así como de outros axentes de turismo activo e cultural.

O montante total do acordo alcanza os 186.000 euros a desenvolver ata o mes de novembro, estando prevista as primeiras actuacións para o mes de xuño e xullo, na medida en que o sector ten posto os ollos no primeiro de xullo como data maioritaria de reapertura.

4. Cheque Dixitalización. Ademais de beneficiarse deste plan de colaboración, os establecementos de turismo rural poderán solicitar as axudas ofrecidas a través do IGAPE, o chamado Cheque Dixitalización, así como as axudas Reactiva Comercio/Turismo e Servizos que se publicarán no DOGA.